Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Máis un coloquio que unha entrevista, e máis tarde que temprano, pero aquí está o derradeiro artigo que escribín pra a revista Babel, publicación do Ateneo Republicano de Valdeorras, de Abril de 2010. Non a puxen antes por motivos de exclusividade da revista e tal…

——————————–

Entrevista con Paco Lores, presidente da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.

acto 224x300 Entrevista a Paco Lores, presidente da FSG.

Paco Lores (Esqda) no acto polo aniversario de Castelao na praza que leva o seu nome.

O señor Francisco Lores ten 75 anos e é o presidente da Federación de Sociedades Galegas, unha federación que aglutina a diversas asociacións como centros galegos, museos, asociacións culturais, etc… todo relacionado co mundo da emigración galega en Bos Aires. Estas actividades compaxínanse precisamente, coa administración do MEGA ou Museo da Emigración GAlega.

Á entrada do edificio onde residen a FSG e mailo MEGA (Chacabuco 954), atópase un portón enorme de ferro, que hoxe é logotipo do museo. No cume do enorme portón, escansa o escudo de armas da Federación, composto por unha fouce cruzada cun áncora de navío, e unha estrela vermella por enriba. A sala interior está feita de madeira, e exhibe bandeiras galegas e republicanas, e mais un exemplar orixinal da constitución da Segunda República. Non me fan agardar moito e o señor Lores me recibe no seu pequeno despacho, onde nos entrevistamos logo de que Lores me contase a súa anécdota con viño de Valdeorras… “ Así que de Valdeorras, eh? Mira ti… cando o Beiras dirixía o bloque e chegou ata aquí de visita, díxome que non había viño branco na Galiza mellor que o Godello valdeorrés!” En 25 minutos que tiñamos só puiden preguntarlle un par de cousas, pero foi todo moi distendido e animado.

Pregunta: Logo de tantos anos dende a guerra, quedan todavía asociacións como esta, defendendo os valores da II República, na Arxentina?

Resposta: Pois quedar quedan, o que pasa é que unhas as fomos asumindo e outras xa non están moi activas… por iso na Federación sempre aproveitamos a mínima para facer un pouco de ruido republicano, que non ven mal…

Pregunta: Cómo diría vostede que é a percepción entre a galeguidade do eisilio dos feitos que tiveron lugar no conflicto da guerra, e logo no franquismo? Hai interese por parte da mocidade?

Resposta: Sempre hai interese, de non habelo nós non estaríamos aquí e eu non sería presidente de nada para que ti me entrevistases! A FSG recibe moita forza dende a mocidade… temos por exemplo a moitos estudantes de todo o país que chegan ata aquí a investigar na nosa biblioteca, ou a atoparse con coñecidos dos seus antergos… De feito cada vez hai máis interese entre os rapaces.

sdc10972 300x234 Entrevista a Paco Lores, presidente da FSG.

Presentación do libro de Prolingua "55 mentiras sobre o galego" na biblioteca do MEGA e a FSG

Pregunta: Pódeme falar un pouco da historia da FSG, especialmente do acontecido entre os anos 30 en adiante?

Resposta: Nós nos adicabamos sobretodo a recoller noticias do que pasaba no vello continente e corríamo-la voz entre os galegos. Dende aquí organizábanse recollidas de cartos para mandar a Galiza durante a República, e logo na guerra, mandábanse cartos para combater ó franquismo. Sempre mantivemos un carácter político ó tempo que dábamos cobertura á transmisión da cultura galega entre os nosos, pois o que chegaba nos barcos era moi escaso nesa época… Logo da guerra, isto aínda continuaba. Por suposto facemos actos todos os 14 de Abril, sacamos as bandeiras e facemos un paseo por ahí.

Pregunta: Cal era a postura para convosco do goberno franquista?

Resposta: Moitos dos nosos estiveron perseguidos por afines á dictadura que residían aquí. De moita sona eran as batallas campais que se formaban entre o Bar Iberia, de público republicano, e o Bar España, de público franquista. As cadeiras voaban entre uns e outros en plena Avenida de Maio cando nos enterábamos dun avance ou retroceso das tropas republicanas nalgunha fronte. O goberno de Franco nunca quixo ter demasiada relación institucionalmente, digamos. A algúns de nós prendéronos lume ás casas en ocasións, e á sede da FSG unha vez, incluso. A embaixada buscaba e deportaba a galegos republicanos para que foran xulgados no estado español… Tamén durante as ditaduras arxentinas se deportou a galegos que militaban no sindicalismo arxentino…

Pregunta: Qué lles pareceu que logo na democracia un ministro do franquismo como era Fraga asumise o goberno galego?

Resposta: Nós cremos que en Galicia sempre houbo moito cacique, e isto é unha proba máis de cómo o poder caciquil beneficióu ó bando afín. Incluso en suposta democracia.

Pregunta: Cómo lles tivo en consideración o anterior goberno de Fraga?

Resposta: Incluso sendo un goberno dunha ideoloxía como a que era, polo menos Fraga preocupouse de reactivar os vencellos coa emigración, e nunca diminuíu as subvencións como sí fai agora o Feixóo éste… Tampouco fixo o que tiña que facer, pero alomenos a nós Fraga nos puxo un ascensor que ninguén empregaba por medo a quedarse un colgado, hahaha.

megafachada 300x210 Entrevista a Paco Lores, presidente da FSG.

O MEGA, barrio porteño de San Telmo.

Pregunta: Supoño que houbo unha reactivación na transición e logo coa autonomía galega…

Resposta: Claro! Nós fomos á Galiza nos 70 levando estreleiras e mailas bandeiras republicanas! Tamén colaboramos con institucións de por alí… Co da autonomía non estou tan de acordo. o Estado tiña que ser un réxime federal, e Galiza un estado federal, por suposto. A autonomía, malia as súas vantaxes, foi tamén un método de asegurar Galiza como colonia española ou territorio indisociable de España.

Pregunta: Qué galegos coñecidos formaron parte da FSG?

Resposta: Pois están Luis Seoane, Manuel Vilanova, que presidía o PSOE galego na arxentina e estivo na guerrilla galego-leonesa, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos, que serían logo deputados republicanos polo Partido Galeguista. Tamén estivo Lourenzo Varela e por suposto o membro máis ilustre, don Afonso Rodríguez Castelao, a quen fixemos unha homenaxe no aniversario da súa morte, na praza que leva o seu nome nesta cidade. Un acto moi bonito con estreleiras e bandeiras republicanas, música de gaitas e bailarinas tradicionais…

Pregunta: Actualmente, qué se fai na FSG?

Resposta: Nós propagamos a cultura galego en diversos ámbitos. Facemos sesións de lectura na biblioteca, talleres de danza galega, gaita galega, clases de galego, teatro, e facemos homenaxes a galegos e/ou republicanos ilustres, emigrados ou non, levamos o MEGA… Tamén damos clases de tango e de informática. Ás clases que damos nós, sobretodo de galego, gaita galega, danza galega e informática, ven xente de todas as idades, e moitos mozos. Incluso chegan mozos que queren aprender gaita sen ser galegos ou ter nada que ver… un boliviano, un peruano, etc… A cultura galega está de moda. É unha mágoa que dende os gobernos non se faga o preciso para fomentar isto. Na biblioteca acollemos proxectos de investigación de moitos mozos que están estudando ou rematando a carreria… tamén chegan investigadores de Galiza que queren acceder ós nosos arquivos.

Pregunta: Precisamente, ¿Qué opinan por aquí do novo executivo galego?

Resposta: O goberno anterior tivo os seus éxitos e erros, pero á marxe diso foi un goberno preocupado pola cultura, que non escatimou en gastos para protexer ou fomentar o idioma, as tradicións… en troques, o goberno actual ten unha desfachatez no ámbito cultural que algúns de nós lémbranos ó franquismo, é que nin Fraga fixera ataques contra o idioma como os de agora. Preocúpanos moito porque cremos que a lingua galega, non é unha lingua ideolóxica, e éste é o primeiro goberno galego da historia que retrocede na defensa da lingua… Polo demais este home está a recortar as subvencións ás institucións da emigración, está a vender o hospital dos galegos en Bos Aires e a despedir funcionarios por doquier. Non pode ser bó.

A lingua é a columna vertebral dun pobo, e este goberno se limita a seguir ordes de Madrid, de FAES e mailo aznarismo. Non teñen dignidade ningunha.

A ver se agora con Ferrín na RAG, pódese avanzar un chisco no tema lingüístico…

Pregunta: O 5 de Febreiro a FSG acolleu a presentación mundial do libro “55 mentiras sobre a lingua galega”. Hai cada vez máis toma de conciencia na emigración sobre o tema lingüístico, non si?

Resposta: Pois a verdade é que sí. Tampouco toda a que debería de haber, pero sí. Moitos mozos acudiron e toda a xente quería saber cando ía estar disponíbel o libro na biblioteca da FSG para ler ou levar á casa. Que quede claro que dende o outro lado do mundo, os galegos seguimos a loitar pola nosa cultura!

Pregunta: Señor Lores, foi un pracer. Poderei velo tan saudábel e enérxico para outra?

    Iso espero eu! hahaha… És benvido cando queiras, estás na túa casa. Como dixo Manuel Rivas cando nos visitóu… “Se me perdera no mundo e tivese que procurar un lugar onde ir, iría á FSG e sería a miña casa”.

Saúdos republicanos ós camaradas republicanos de Valdeorras!

Amse Novoa Paradelo

Bos Aires.

Unha aperta!

____________

Páxina web da Federación de Sociedades Galegas: http://fsgallegas.org.ar

Blog do Ateneo Republicano de Valdeorras: http://valdeorrasrepublicana.wordpress.com/

 Entrevista a Paco Lores, presidente da FSG.
Be Sociable, Share!
  • more Entrevista a Paco Lores, presidente da FSG.

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,

Un comentario para “Entrevista a Paco Lores, presidente da FSG.”

  1. [...] This post was mentioned on Twitter by Amse Novoa Paradelo. Amse Novoa Paradelo said: En Movidillas.net: Entrevista a Paco Lores, presidente da FSG. http://goo.gl/fb/6s2C1 [...]

¿Qué opinas de este post?

Puedes usar estos tags para personalizar el texto: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>